cabeceira
marzo 2010
Vén a primavera Neste número

E vén chea de actividades

E lo conseguiremos por fin que deixe de chover e veña o bo tempo dunha vez? Xa empezo a estar un pouco desesperada, nótase, non?, pero sei de boa tinta que non son a única que está nesta situación. Empezo a pensar que nunca a xente estivo tan pendente do home do tempo como nesta tempada.

En fin, como por fin parece que xa imos avanzando cara á primavera, confiando na mellora do tempo, empezan a organizarse actividades de todo tipo ó aire libre e este mes empezamos a tomar os camiños organizando dúas rutas, unha a pé e outra en bicicleta.

No Concello en marzo

RUTAS DE SENDEIRISMO A PÉ E EN BICICLETA

O próximo sábado día 6 de Marzo o Concello e a asocación cultural medio ambiental "O esquío no piñeiro" organizan unha ruta en bicicleta para facer o camiño a Padrón desde Brión, pasando por Santiago, para gañar a Pedronía, que é como a Compostelana pero só desta parte do Camiño. A distancia a percorrer é arredor de 45 Kms e a dificultade da ruta é media-baixa.

Se che interesa, non tes que apuntarte, só tes que estar ás 9 da mañá na Carballeira de Santa Minia, en Brión. O percorrido será: Saída da Carballeira de Santa Minia [Entrega de credenciais]- Etapa Brión - Santiago polo camiño de Fisterra.- Chegada a Catedral e selados das Credenciais.- Etapa Santiago - Padrón polo camiño de Santiago.- Chegada a Padrón e visita a Igrexa parroquial de Iria, a Fonte do Carme, Santiaguiño do Monte e Pedrón para o selado das credenciais.-...

Para o sábado 27 de marzo, seguindo co programa de rutas de sendeirismo, está programada a realización da Ruta da Devesa de Nimo, a pé, polo Concello de Noia, á beira do encoro do Tambre. A saída será ás 3 e media da tarde da Carballeira de Santa Minia. Para esta xa te podes inscribir na Casa da Cultura.

 

FORMACIÓN NO MES DE MARZO

Xa está aberto o prazo de inscrición para os cursos do mes de marzo.

Especialmente dirixido a monitores de tempo libre e persoas que traballan habitualmente con rapaces, temos programado para o mes de abril un obradoiro de danzas do mundo. Entre outras danzas aprenderemos, ou lembraremos, as seguintes: a pequena polka, a troika, break mixer, oh Susana, danza grega, carnavalito arxentino e boliviano, a grand march, o alunelul, Michael Finnegan, o Santa Forriol ou o vals español. O curso será en sábados, o 20 e o 27.

Por outra parte, ó final, rematado o prazo de preinscrición, só xuntamos xente para solicitar o Celga do nivel 1. En principio o curso empezará o 12 de abril. Aínda queda algunha praza, polo que se che interesa, ou coñeces a alguén que lle interese, chama canto antes á Casa da Cultura.

E finalmente o 5 de abril empezará tamén un curso de fotografía dixital impartido por Fuco Reyes, fotógrafo moi coñecido de Santiago e que leva varios anos colaborando con nós. O curso será de nivel un pouco avanzado, para xente que xa controle algo de foto.

 

ESTAMOS DE CELEBRACIÓN

Neste mes de marzo celébrase por unha parte o Día Internacional do Teatro, por outra o Dia da Poesía e por outra o Día Internacional da Muller. As tres ocasións nos parecen o suficientemente interesantes e importantes como para adicarlles a nosa atención.

Día mundial do teatro: o 27 de marzo é o Día Internacional do Teatro e ímolo celebrar cunha obra de teatro afeccionado da que se dará conta mediante bando municipal e na web.

Día da muller traballadora: celebrarémolo cun espectáculo dirixido ós alumnos do IES sobre “Rosalía de Castro, poeta da liberdade e da independencia”.

Semana da poesía: celebrarémolo ca representación de Marisa Irimia sobre “A poesía é divertida” no CEIP Pedrouzos na últma semana do mes.

 

AUDICIÓNS INSTRUMENTAIS DA ESCOLA DE MÚSICA
O 9, 10 e 11 de marzo serán as audicións instrumentais dos alumnos da Escola de Música Municipal.

 

Fóra de Brión

Campaña de verán 2010

Esta é noticia de última hora, acaba de sair no DOG do día 8 de marzo a convocatoria de prazas para a campaña de verán da Xunta de Galicia. O día 9 abre o prazo de solicitude. Ide apurando que xa sabedes que despois hai moitos problemas de prazas.

Inmersión lingüística 2010

formacionUn ano máis sae a convocatoria da Consellería de Educación de prazas de inmersión lingüística para o verán en países de fala inglesa e francesa. Poden solicitar estas prazas alumnos de sexto de primaria, secundaria e bacharelato. Ide apurando, que o prazo remata o día 12 de marzo.

Curso de monitor de actividades de tempo libre

O Concello de Outes convoca un curso de monitor de actividades de tempo libre que será impartido pola Escola de Tempo Libre Quercus. O curso serán na Casa de Cultura de Outes en horario intensivo sábados, domingos e festivos. Comeza a mediados de marzo. Inscrición nos teléfonos 981.850.950 / 981.842.406

Roteiros para a xuventude

A Dirección Xeral de Xuventude acaba de sacar o programa Roteiros para a xuventude dirixido a mozos de 18 a 35 anos de idade. Son actividades de fin de semana ó aire libre, por varias zonas e con actividades diversas (rutas de sendeirismo, deporte de aventura, deporte náutico...)

Programa actividades Arteria Noroeste

arteE coma sempre, cada semana Arteria Noroeste vai informando das actividades que ten programadas.

Polo de agora só temos o programa ata o 14 de marzo pero cada semana imos actualizando a nosa web de mocidade e ímolas poñendo alí.

 

Máis actividades

Polo de agora non te podemos informar de máis actividades. Vannos chegando ó longo do mes e imos actualizando a web. Se consultas a páxina unha vez á semana alí poderás ver todas as novidades.

 

Asociacións de Brión

O esquío no piñeiro

Esta asociación está a preparar o Camiño de Santiago a pé, en fins de semana, e en bicicleta. Se queres máis información podes poñerte en contacto con eles a través do seu correo electrónico oesquio@gmail.com, ou do seu blog http://oesquio.blogspot.com

 

Novas de interese se pertences a unha asociación

Convocatoria de subvencións nominativas do Concello de Brión

Ábrese o prazo para a solicitude de subvencións nominativas do Concello de Brión. Podes consultar as bases na web do concello www.concellodebrion.org

Boletín

Como vedes, no apartado anterior estamos a poñer información sobre as actividades das asociacións do Concello. Se queres que poñamos información da túa, avísanos ou mándanos a información por correo electrónico.

Alguén se apunta?

Balneario

Ó final somos poucos pero acordamos ir o domingo 14 de marzo pola mañá.

Os que se animen avisádeme por correo a voluntariado@briondixital.org ó longo deste mes para organizarnos.

Voluntariado

Voluntariado lingüístico

Neste momento están postas en marcha dúas iniciativas relacionadas co voluntariado lingüístico que poden ser do voso interese

VOLUNTARIADO DE ACTIVACIÓN LINGÜÍSTICA
Programa lúdico e gratuíto para por en contacto persoas que falan galego con outras que aínda nono fan.

VOLANGTEERvolangteer
Learning regional languages through volunteers. Proxecto europeo que ten como obxectivo promover o uso das linguas propias entre as persoas estranxeiras.

 

Se non queres seguir recibindo este boletín, tan só tes que enviarnos un correo electrónico a voluntariado@briondixital.org para darte de baixa.

Concello de Brión. Oficina Municipal de Mocidade e Voluntariado. Casa da Cultura

www.concellodebrion.org/voluntariado___________________voluntariado@briondixital.org